Festas da Guadalupe

Festas da Guadalupe de Rianxo 2025

Bases de participación no Feirón Mariñeiro

XIX Feirón Mariñeiro

“A Feira de 1925”

Rianxo, 18 de setembro de 2025

Bases e normas de participación

Queres participar no Feirón Mariñeiro de Rianxo? Consulta as condicións de participación en cada categoría.

As solicitudes de participación presentaranse nos formularios habilitados para cada categoría.

Normas de obrigado cumprimento:

  • Debes ter capacidade legal para a exposición e/ou venda do teu produto (empresa, autónomo, carta ou permiso de artesán, venda ambulante…).
  • Debes ter un seguro de responsabilidade civil que cubra posibles accidentes e danos.
  • En todo caso, cada participante é responsable de ter en regra todos os permisos e licenzas que permitan a venda ambulante, a actividade económica, a distribución de produtos alimenticios, etc., así coma todos os seguros que poda precisar para o exercicio da súa actividade.
  • A organización non se fará responsable do incumprimento de leis ou normas por parte dos participantes, debendo asumir estes as consecuencias das posibles irregularidades cometidas.
  • Para deixar constancia de todo isto, debes cubrir a declaración responsable e traela o día da feira, se fostes admitido/a.
  • Como excepción particular, aquelas persoas veciñas do municipio de Rianxo que, sen ser profesionais, fan artesanía e queren participar, teñen unha vía aberta mediante a colaboración coa Asociación A Moreniña.

Normas OBRIGATORIAS sobre ambientación

Todos os postos deberán estar ambientados segundo o tema da feira, que é o Rianxo, vila mariñeira, de primeiros do século XX.

Co cal, caben tanto vestimenta antiga coma mariñeira, ao igual que os elementos decorativos.

Valoraranse especialmente os produtos relacionados co mar.

Evitaranse especialmente elementos de plástico, con publicidade, ou de outras épocas.

Pódense admitir decoracións exóticas contemporáneas á ambientación do feirón, sempre que o tipo de produto ou actividade o xustifique, en semellanza aos mercaderes viaxeiros.

A non contemplación desta norma pode dar lugar á retirada da autorización para participar no feirón.

Quen pode participar?

  • artesáns profesionais
  • artesáns afeccionados de Rianxo
  • asociacións sen ánimo de lucro
  • empresas

Inscricións e participación

Solicitude de participación:

Nos formularios habilitados:

Data límite de inscrición:

10 de agosto, se ben, de haber espazo, poderanse ter en conta as solicitudes presentadas posteriormente.

Confirmación da participación:

A partir do 15 de agosto empezaranse a comunicar as solicitudes admitidas.

IMPORTANTE: só se comunicará a participación ás solicitudes seleccionadas, en ningún caso se comunicarán as solicitudes non estimadas.

Todas as solicitudes non comunicadas antes do 20 de agosto pasarán a listaxe de agarda.

Ingreso da cota por participar no Feirón:

No momento no que sexa confirmada a participación, a persoa responsable deberá efectuar o ingreso da cantidade indicada en cada categoría neste mesmo documento, dunha das seguintes formas:

  • Por transferencia ao núm. de conta con IBAN ES55 2080 0310 5930 4000 5504
  • Por Bizum ao ID 05402 (donativos a ONGs)
  • Indicar no concepto: “Reserva Feirón” e o nome do taller ou persoa responsable
  • En casos excepcionais e xustificados: en efectivo o día do Feirón

O día do Feirón:

Apertura: 11.30 da mañá. Todos os postos deberán estar montados a esa hora.

Peche: antes das 21 h non se permitirá a entrada de vehículos no recinto. No caso de gran afluencia de xente, adiarase a hora de carga e descarga un tempo prudencial. Non hai hora límite para a retirada do posto.

Localización: publicarase un mapa na web do Feirón coa situación de cada posto Ademais, haberá persoas da organización axudando a localizar os sitios e a organizar os postos.

Documentación: todas as persoas participantes deberán traer unha copia da documentación obrigatoria (seguros, altas…) para o caso de que lles sexan requiridas, xunto cun xustificante do pagamento da cota.

Responsabilidade

En todo caso, cada participante é responsable de ter en regra todos os permisos e licenzas que permitan a venda ambulante, a actividade económica, a distribución de produtos alimenticios, etc, así coma todos os seguros que poda precisar para o exercicio da súa actividade. Deberán ter dispoñible unha copia por se fose requirida.

A organización non se fará responsable do incumprimento de leis ou normas por parte dos participantes, debendo asumir estes as consecuencias das posibles irregularidades cometidas.

Categorías

  1. Postos de artesanía
  2. Talleres demostrativos
  3. Obradoiros participativos
  4. Postos de gastronomía
  5. Tabernas
  6. Animación

1. Postos de artesanía

Por posto de artesanía enténdese aquel que expón produtos manufacturados e os ofrece á venda con ánimo de lucro.

Requirimentos de participación:

  • A persoa participante deberá traer o seu propio posto
  • Cota a abonar: 14 € por metro lineal frontal ou fracción
  • Ter a capacidade de exercer a actividade e contar cos permisos necesarios
  • Ter a actividade cuberta por un seguro profesional ou de responsabilidade que cubra posibles danos a terceiros

Requirimentos dos produtos de artesanía:

  • Os produtos expostos deben ser de orixe artesanal e elaborados ou finalizados artesanalmente pola persoa ou taller que solicita a participación na feira.
  • Pódense facer excepcións ao punto anterior para certos negocios ou tendas especializadas que expoñen produtos de terceiros se o motivo se xustifica en base á natureza do produto (libros de segunda man…), do negocio (distribución autorizada dunha marca…) ou outros parámetros. En todo caso, estas solicitudes terán menor prioridade.

Valorarase:

  • Carta de artesán e outros certificados de autenticidade
  • Premios e recoñecementos
  • Demostración do traballo no posto durante a exposición
  • Participación en anteriores edicións do Feirón
  • Ambientación e decoración do posto

2. Talleres demostrativos

Por taller enténdese aquel posto de artesanía no que o artesán está a demostrar en vivo o proceso de manufactura dun produto, e cobra por realizar tal demostración.

Adicionalmente, pode vender o produto manufacturado.

Requirimentos de participación:

  • Se realiza o taller de balde, estará exento do abono da cota por venda de produto
  • Se cobra por realizar o taller, a organización estudará a proposta

3. Obradoiros participativos

Un obradoiro é un posto no que se invita ao público a participar activamente na elaboración dun produto artesanal, cunha duración máis ou menos continuada ao longo do día.

A organización estudará as propostas e decidirá en base ao interese do obradoiro e ao orzamento dispoñible.

4. Postos de gastronomía

Por posto de gastronomía enténdese aquel que expón ou elabora produtos alimenticios e os ofrece para a súa venda ou consumo no momento.

Se os produtos non son para o seu consumo inmediato, entón trátase dun posto de artesanía, e xestionarase como o especificado no apartado correspondente.

Un caso especial destes postos son as tabernas, que responden a unha filosofía esencial de “viño e tapa”, e réxense por unhas normas distintas (ver o apartado específico).

Requirimentos de participación:

  • A persoa participante deberá traer o seu propio posto
  • Cota a abonar:
    • 18 € por metro lineal frontal ou fracción
    • se o servizo se fai tamén polos laterais, contabilizarase a suma total
  • Ter a capacidade de exercer a actividade e contar cos permisos necesarios
  • Carné de manipulador de alimentos ou licenza análoga da persoa responsable do posto
  • Ter a actividade cuberta por un seguro profesional ou de responsabilidade que cubra posibles danos a terceiros

Valoraranse:

  • Carta de artesán ou outros certificados de autenticidade
  • Premios e recoñecementos
  • Elaboración “in situ” dos produtos
  • Orixinalidade do produto

5. Tabernas

Enténdese por taberna un tipo de posto especial que serve ao público produtos para o consumo no momento ao estilo dunha taberna tradicional, baixo a filosofía do “viño e tapa”.

O número de tabernas autorizadas está estabelecido de antemán.

A organización estudará e valorará as solicitudes presentadas en base a uns parámetros que se deberán facer constar nunha proposta á hora da inscrición.

Requirimentos:

  • Os produtos servidos nas tabernas deben ser de orixe artesanal ou manufacturado. Non se admiten, polo tanto, produtos de fabricación industrial como licores destilados que non sexan froito dun proceso artesanal.
  • As excepción aos requirimentos anteriores son as seguintes: augas minerais, cervexas a presión, elaborados a partir de refrescos: calimochos, sangrías… e tamén se permitirán augas e refrescos para os cativos, pero estes elementos non deberán estar visibles ao público, para evitar rachar co ambiente do feirón. Tamén licores de tipo artesanal, aínda que a súa fabricación sexa industrial (licor café e similares).
  • Tratarase de disimular todos os elementos eléctricos necesarios, coma cociñas, xeeiras, billas… de forma que queden o máis ocultos posible de cara o público.
  • Todas as cantinas estabelecerán mecanismos dirixidos a reducir a cantidade de lixo producida. Valorarase moi positivamente o uso de envases que non deixen resíduos, reciclables ou compostables, e a recolección periódica por parte dos responsables dos residuos xerados arredor da taberna.
  • Cota a abonar: 250 €
  • Carné de manipulador de alimentos ou licenza análoga da persoa responsable do posto
  • Ter a actividade cuberta por un seguro profesional ou de responsabilidade que cubra posibles danos a terceiros. No caso de asociacións sen ánimo de lucro, seguro obrigatorio de responsabilidade civil que cubra a actividade
  • Ter contratadas de forma legal a todas as persoas traballadoras. No caso de asociacións sen ánimo de lucro nas que as persoas socias ou alleas colaboran como voluntarias, documento asinado por ambas as partes de colaboración como persoa voluntaria.

Valoraranse:

  • A especialización dos produtos ofrecidos; é dicir, non servir “de todo”, senón especializarse nun tipo de produto e tapa
  • A orixinalidade e adecuación ao ambiente do Feirón
  • Que todos os produtos ofrecidos sexan de elaboración artesanal ou propia
  • A finalidade sociocultural dos organizadores e a divulgación da actividade social que realizan
  • A achega de animación propia ao Feirón (música, baile, teatro…)
  • A orixinalidade do mobiliario e do espazo, especialmente evitando no posible que o espazo semelle unha “barra”
  • Os mecanismos de redución de residuos, tanto nos soportes nos que se serven os produtos, como pola limpeza periódica dos arredores da taberna
  • Utilización de envases tradicionais ou substitutivos que os imiten, ou reciclables ou compostables.
  • A participación previa no Feirón e a antigüidade

Baremación:

  • A especialización do produto ofrecido: especializar a taberna nun só tipo de bebida e un só tipo de tapa, aínda que se admiten variacións ao longo da xornada e variantes no tipo de produto para complementar ou adaptarse ás diferentes horas do día: (viño / café / licor, tapa / postre…)
  • Orixinalidade do mobiliario e do espazo: disposición dos produtos e dos clientes orixinal e evitando a similitude cunha “barra”
  • Ambientación e decoración do posto e dos integrantes coa temática do feirón
  • Produtos artesanais ou de elaboración propia
  • Servizo dos produtos: recipientes nos que se serve a comida e a bebida: materiais da época, imitacións aceptables, recipientes alternativos (pan, tortas…) e evitando plásticos, procurando o uso de recipientes reciclables ou compostables
  • Finalidade social da entidade organizadora. Neste caso, divulgación no Feirón da finalidade social: paneis explicativos…
  • Inclusión de algún tipo de animación: música de ambiente, músicos, baile, teatro, figurantes…
  • Mecanismos de redución de residuos e limpeza da contorna da cantina
  • Ocasións nas que participaron en edicións anteriores do feirón

6. Animación

Por animación enténdese unha actividade dirixida á diversión do público, ben musical, teatral… e non á venda dun produto.

Calquera entidade, empresa, particular ou profesional poderá facer unha proposta de animación.

A organización estudará todas as propostas, en base ao interese pola proposta e o orzamento existente.

© 2026 Festas da Guadalupe

Tema de Anders Norén