As rúas énchense de arte, obradoiros e actividades para toda a familia e a mocidade. A programación cultural “A Moreniña, arte cultura e tradición 2024”, patrocinada pola Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Rianxo, propón unha nova edición de Artella! Arte nas rúas, para a semana do 14 ao 20 de setembro.
O sábado, unha escape room ambientada nas viaxes de Verne estará dispoñible durante toda a xornada na Praza da Manuela, con aventuras ás 11, 13, 16, 18 e 20 h para equipos de ata 6 xogadoras.
O luns, na contorna dos xogos das Juadalupeñas, as competicións máis tolas volverán a tomar as rúas, da man da Asociación festival Rock in Rian.
O martes pola mañá, o Debuxo na Rúa volverá facer un concurso de debuxo, na rúa de abaixo. Pola tarde, a habitual xornada de Cultura Urbana iniciará cunha exhibición de Kung Fu da man do rianxeiro Erik Martín, do Club Hong Kun Rianxo, e unha demostración da Danza do León.
Continuará a Cultura Urbana con obradoiros de Breakdance e Beatbox, e demostració posterior. Coma sempre, da man da Asociación A Vella Escola.
Pechará a xornada do martes CeibaRimas, con obradoiros FreeStyle en galego e actuacións de 9 artistas de rap: Big Meu, O Jallejo, Xeva, Lidia L Chao, Aprendiz, O Portughés, Flow del Norte, Mog e Rei Murtino,
O mércores pola mañá teremos de volta os xogos tradicionais de Xogando Miudiño, desta vez cunha nova proposta de Espazo de Xogo: Os nosos Mares, ambientada en xogos relacionados co mar.
Pola tarde, volve a Feira do Circo, con casetas de xogos de feira, actuacións e espectáculos. Nesta ocasión instalarase no parque da Martela.
O xoves recuperaremos de novo oficios tradicionais e obradoiros participativos no Feirón Mariñeiro.
E o venres chega a agardada Festa Infantil. desta volta, teremos unha Ximcana Xigante de 100 metros de lonxitude, inchables para os máis peques, un Unicornio mecánico e, por suposto, a Festa da Escuma.